Monday 13 de May de 2024

Feijóo avoga por manter o espírito da Arribada para que Galicia sexa sempre porta de entrada e benvida aos “mundos novos” que quedan aínda por descubrir


“Queremos que a Galicia do século XXI se pareza á Baiona do século XV, nesa actitude que amosou diante do desafío que proxectaba o mundo novo”, dixo, lembrando que hoxe hai novos mundos que xa non son xeográficos senón económicos, tecnolóxicos e culturais

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por manter o espírito da Arriba “para que a nosa terra sexa sempre porta de entrada e benvida aos mundos novos que, sen dúbida, quedan aínda por descubrir”. “Queremos que a Galicia do século XXI se pareza á Baiona do século XV, nesa actitude que amosou diante do desafío que proxectaba o mundo novo”, dixo, recordando que hoxe hai novos mundos que xa non son xeográficos senón económicos, tecnolóxicos e culturais.

Diante destes novos tempos, Feijóo afirmou que “podemos repudialos sen máis, pechar os ollos e os ouvidos, armarnos de prexuízos” ou, pola contra, adaptalos ao noso, diferenciando o que teñen de bo do que teñen de mellorable. “É dicir, deixar que o novo nos transforme, transformando nós o novo. Non é outra cousa o que fixo o pobo de Baiona cando a Pinta buscou a hospitalidade do seu porto. Aquel novo mundo converteuse tamén no noso”.

O titular da Xunta afirmou, deste xeito, que a Arribada recrea o pasado con actividades que nos transportan nunha máquina do tempo, pero tamén sinala o futuro.

Feijóo concluíu a súa intervención congratulándose de que a Arribada estree este ano o “merecido” título de festa de interese turístico internacional, e lembrou que a achega do noso país ao nacemento da idea de Europa non foi soamente espiritual e humana, a través do Camiño de Santiago, “senón tamén comercial, mediante portos como este”.